Xardíns do Balneario de Mondariz | Pontevedra
Os xardíns do Gran Hotel do Balneario de Mondariz constitúen, xunto cos demais elementos do balneario, un extraordinario conxunto patrimonial. Formaban parte da vida do balneario, onde actividades como pasear e gozar da natureza eran consideradas terapéuticas.
En Mondariz, a compoñente natural e pintoresca dos seus xardíns cheos de especies exóticas está indisolublemente asociada á súa imaxe histórica.
Proponse a recuperación do uso deste espazo para pasear e gozar da natureza como se facía a principios do século pasado, aportando unha visión contemporánea con enfoques de multifuncionalidade, conectividade espacial e ecolóxica, e mobilidade e accesibilidade.
Realízase un trazado de camiños suaves que permite explorar o espazo, achegándonos á vexetación e proporcionando zonas de descanso e contemplación fundamentalmente asociadas aos elementos patrimoniais que se rehabilitan ou consolidan (lavadoiro, invernadoiro e fonte).
A continuidade ecolóxica espacial resólvese coa plantación de grupos de Quercus sp. na zona oeste do xardín que conectan directamente coa masa forestal existente.
A actuación complétase coa rehabilitación do pequeno invernadoiro e da fonte, e a creación dun “xardín aromático” dentro dos muros do antigo lavadoiro.
Cliente: Particular
Lugar: Pontevedra
Proxecto: Mercedes Máquez Roel e Javier Padín

























